Suscríbete a
ABC Premium

O Mupega homenaxea a antigos mestres

Manuel Souto e Flora Prieto, pais do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recibiron unha estatuiña con dous nenos da man como símbolo do mundo do ensino

POR: D. G.

SANTIAGO. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, e o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) están levando a cabo unha serie de homenaxes a mestres galegos que consagraron a súa vida á docencia. No marco destes actos, o titular de Educación fixo un emotivo recoñecemento aos pais do actual presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Jesús Souto Prieto, que se dedicaron durante décadas ao ensino en diversas vilas da comunidade galega.

Os pais do alto maxistrado, Manuel Souto e Flora Prieto, de 95 e 92 anos de idade, personifican na súa singradura profesional e humana a todos os docentes que se entregaron á labor de formar a sucesivas xeracións de galegos durante un amplo treito do pasado século. De feito, Manuel Souto e Flora Prieto exerceron a súa actividade profesional durante un longo percorrido que abrangueu os períodos históricos da Restauración Borbónica, Segunda República, réxime franquista e comezos da transición democrática.

O homenaxe centrouse nunha visita ao Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), en cuxas salas os dous mestres tiveron a oportunidade de atoparse cos materiais didácticos, cadernos, utensilios e aulas como as que marcaron a vida de miles de docentes e alumnos durante a historia da escola galega e española ao longo do século XX. Na visita, que tivo lugar o pasado xoves, tamén participou o propio presidente do Alto Tribunal galego, e exerceron como guías o conselleiro e o director do museo, Vicente Peña. Ao final do percorrido, os dous mestres recibiron do mans de Celso Currás unha estatuíña na que se representan a dous nenos galegos collidos da man e que simboliza o mundo da ensinanza.

Honrar a figura do educador

O recoñecemento do que foron obxecto Manuel e Flora forma parte da serie de homenaxes a antigos e ilustres mestres de Galicia que vén realizando o Mupega dende a súa fundación, e que xa distinguiu a insignes docentes galegos, como Modesto Rivera Casás, Celso Currás pai, Avelino Pousa Antelo ou Antía Cal, entre outros.

O obxecto destes recoñecementos é honrar a figura universal do mestre a través dos profesionais individuais que ou ben marcaron un fito na historia do ensino galego mediante a súa aportación pedagóxica, ou ben se destacaron pola súa presenza continuada nas aulas durante moito tempo, aportando toda a súa dedicación e profesionalidade á formación dos máis novos.

Ao respecto, Celso Currás, fillo tamén de mestres, sostén que mediante este tipo de actos «o conxunto dos cidadáns, representados polas institucións educativas, mostra o seu agradecemento á dedicación incondicional dos docentes e recoñece publicamente a influencia decisiva desta profesión no nivel de confianza, competencia e excelencia acadado por unha sociedade». Ademais, lembra o conselleiro, «na memoria individual de todo cidadán que ten chegado a súa madurez sempre figura, entre as persoas que foron importantes na súa vida, algún ou algúns dos seus mestres ou profesores, aos que lembra con afecto pola positiva influencia que causaron na súa persoa». De aí que os homenaxeados polo Mupega sexan tamén un símbolo deses docentes queridos e apreciados.

No caso particular dos homenaxeados o xoves, cómpre sinalar que Manuel Souto exerceu a docencia durante 49 anos, entre 1928 e 1977, mentres que a súa dona, Flora Prieto, fíxoo entre 1935 e 1977, en total 42 anos.

Medio século nas aulas

Ambos impartiron ensinanzas en diversas localidades galegas, se ben a maior parte da súa carreira discorreu no municipio ourensá de Boborás. Durante a visita producíronse momentos emotivos, especialmente cando se atopaban ante as reconstrucións das antigas aulas de cada un dos períodos máis representativos da historia de España. A fidelidade coa que están instaladas as clases non pasou desapercibida aos visitantes, que puideron recoñecer e lembrar os elementos cos que conviviron e que empregaron na súa actividade diaria durante tanto tempo.

En particular, sentíronse moi interesados polo armario foliar, un instrumento deseñado no seu tempo polo pai de Celso Currás para facilitar o ensino da xeografía nas aulas sen ocupar demasiado espazo, xa que funcionaba como un clasificador de mapas, que poderían extraerse un por un segundo as necesidades didácticas. Tras o percorrido, os dous mestres empregaron palabras como «magnífico» ou «memorable» para referirse ao museo, sobre todo cando souberon que é o mellor centro patrimonial educativo de España e Europa, como recoñecen destacados especialistas na materia.

De feito, o Mupega é considerado o referente a ter en conta para a creación de futuros museos pedagóxicos no resto de España, segundo a conclusión á que chegaron máis de 30 expertos da museoloxía da educación do resto das comunicades autónomas, reunidos recentemente en Santiago. Os expertos, que participaron nas I Xornadas da Sociedade Española para o Estudo do Patrimonio Histórico Educativo o pasado mes de maio, observaron que o panorama museístico español é moi prometedor, aínda que é conveniente que tanto as administracións públicas como os diversos organismos privados se impliquen máis neste sector. Por tal motivo, valoraron o Mupega como un modelo exemplar.

As devanditas xornadas tiveron como fin fomentar o intercambio de coñecementos e achegar a labor que se vén realizando nos diversos centros especializados en museoloxía da educación das diferentes comunidades autónomas. Durante tres días os especialistas debateron e analizaron a casuística dos museos pedagóxicos en España.

Esta funcionalidad es sólo para suscriptores

Suscribete
Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación