Hazte premium Hazte premium

flores de papel

Contaminación

Cando lle pedín a Márcio unha sinatura no libro, non me atrevín a suxerirlle que o que el percibira (que somos seres esencialmente en contaminación) ben daba para un libro enteiro

por ramón blanco

Aínda non sendo moi amigo das presentacións de libros (ás que imos como quen vai aos funerais: para que despois nos veñan a nós), as da editora Axóuxere sempre reclaman a miña atención. Ademais os actos sociais son boa escusa para saír da casa, dar un paseo e descansar a mente. Desta vez o evento era na galería compostelá A.dFuga e o autor era Márcio-André (Rio de Janeiro, 1978); a obra titúlase Ensaios Radioativos e disque causaran moito balbordo no Brasil e foran atacados e defendidos nalgúns xornais de alá.

Parece mentira que un volume tan exiguo poida levantar tantas paixóns. Mais xa no primeiro dos ensaios, a conferencia «Contaminações», que Márcio leu para os presentes, puidemos saborear certas doses de doce toxicidade. O texto iníciase cunha viaxe e performance que realizou en 2007 na cidade fantasma de Pripyat, onde tivo lugar a catástrofe de Chernobyl en 1986: «eu fazia, ainda que sem saber, um hino às contaminações, além, claro, de me contaminar, tornando-me provavelmente, o primeiro poeta radioativo do mundo». Cando lle pedín a Márcio unha sinatura no libro, non me atrevín a suxerirlle que o que el percibira (que somos seres esencialmente en contaminación) ben daba para un libro enteiro. Supoño que xa tamén el o sabe.

Ao rematar o acto a xente bebía viño e comía empanada. Mentres falaba con Roberto Abuín e Rafa Xaneiro, editores de Axóuxere, reparaba en como os diversos grupos de conversadores (incluído o noso) se ían desfacendo e refacendo, en constante comunicación, en constante contaminación. Podiamos estar no ágape da presentación dun libro ou no cóctel da inauguración dunha mostra de pintura ou escultura.

Seguimos parolando nunha taberna próxima. Fóra, acompañando aos tóxicos fumadores, baixo a poalla, confeseilles a dous filósofos as miñas dificultades para entender a Inmanuel Kant e mesmo a Martin Heidegger (do que un deles preparaba un prólogo). Para o meu consolo dixeron que era doado cando se estudaba a filosofía como unha cadea en constante renovación. En constante contaminación, pensei eu, pobre mortal que só aspira a ter unha cabana como a de Heidegger, da que sairía cada tarde á mesma hora para dar un paseo, como Kant.

Esta funcionalidad es sólo para suscriptores

Suscribete
Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación