Suscribete a
ABC Premium

día das letras galegas

Poesía últim(isim)a: amor e enfermidade

O Día das Letras adicado a Lois Pereiro promete difundir como se merecen os versos e tamén a prosa do poeta punk e maldito por excelencia das nosas letras

Poesía últim(isim)a: amor e enfermidade MIGUEL MUÑIZ

POR MANOLO DO RÍO

Foi unha sorpresa para moitos, e non porque o homenaxeado non o merecese: a adicatoria do Día das Letras Galegas 2011 á figura de Lois Pereiro representou unha valente e arriscada decisión da Real Academia que non podemos deixar de louvar e de compartir. O poeta monfortino de vida e obra breve mais intensa encarna nas súas liñas e no seu perfil biográfico o facho aceso da (contra)cultura dos 80: autor intenso, inmenso, cosmopolita, vangardista, Lois Pereiro revive en ave fénix o espectro do autor mozo e vangardista polo que suspiramos eternamente desque Manuel Antonio emprendeu a súa derradeira singradura.

A comparanza non é nosa, senón doutro Manolo (Rivas) e de Mâitre Obscur , Méndez Ferrín. É que a opción de Lois Pereiro como candidato á figura central das Letras, malia (ou precisamente) polo seu carácter underground , tíñase barallado nas últimas edicións, alomenos en ambientes culturais externos á RAG, coma o candidato que encarnaba a renovación ou a contemporaneidade da celebración, e o seu acercamento aos lectores (e diremos tamén, aos escritores, para os que é estandarte) máis novos. O autor monfortino é, xunto con Luis Amado Carballo (outra flor de cedo), un dos homenaxeados máis novos, segundo lembrou co gallo da entrega un dos académicos más veteráns. «Máis que discusión, houbo un intercambio de opinións», comentou Ferrín sobre o plenario, que tardou máis de 30 minutos sobre a hora prevista para dar a coñecer o fallo.

Opera Omnia

Disque a imaxe de Lois Pereiro é reflexo da súa actitude fronte a vida: esgazada, crúa e espida coma os seus versos. Estes elementos terían determinado o mito marxinal e cosmopolita que o poeta personifica. A autodestrución, a desolación, a morte, son os temas predominantes na súa poesía. Da aniquilación á nostalxia foi o camiño literario que andou, deixando unha pegada cada vez máis fonda en lectores cada vez máis novos. E sobre ese camiño ou andaina ( mi ritrovai per una selva escura ) imos a facer unha minúscula e imprescindíbel panorámica. Lois Pereiro nace en Monforte en 1958. Realiza estudos de tradución en Madrid, cidade á que marcharía co seu irmán Xosé Manuel con só dezasete anos. Alí mantense economicamente vertendo ao castelán filmes e series para a televisión.

Será na Villa y Corte onde vaia a estar vencellado, por amizade e por proxectos comúns ao grupo que formaba con Manolo Rivas, Antón Patiño ou Xavier Seoane. Co esforzo de todos, naceron as publicacións de pulo innovador, e agora xa míticas, Loia ou Luces de Galiza . Porén, os riscos asumidos na vida madrileña de principios dos oitenta fixeron que Lois determinase o seu regreso á Coruña, onde se manteñen os nexos con aqueles que constituían o grupo de Madrid, e, de novo aquí, vivirá fundamentalmente do xornalismo. Iso si, no eido poético participa na publicación colectiva De amor e desamor e integrarase, durante 1984 e 1985, no colectivo de mesmo nome. Este feito permite que o público comece a coñecer a súa obra e a valore con compracencia.

Gaña o Concurso Nacional de Poesía O Facho: todas as súas creacións poéticas, espalladas en antoloxías ou publicacións colectivas, reúnense en Poemas. 1981/1991 , en 1992. O seu primeiro libro publicado reflicte xa unha tendencia etiquetada como punk, moi presente na súa vida. As razóns para esta clasificación son, a saber, unha actitude certamente existencialista, de sarcasmo esmagador e corrosivo, un xogo de chiscadelas á autodestrución e á morte. No entanto, as súas influencias semellan ben sofisticadas. Prioritariamente chéganlle do centro de Europa, do expresionismo austro-alemán, de Thomas Bernhard, Peter Handke ou de Carver. Pero non hai que esquecer que Valente é referente fundamental nos seus primeiros pasos: ao seu abeiro nace como poeta.

En 1995 aparece a Poesía última de amor e enfermidade . Con só dous libros publicados xa define un estilo literario curto e tenso, cualificado como de economía expresiva: non se excede en recursos formais, emprega abundantemente o establecemento dicotómico de realidades elementais (amor/desamor, vida/morte). Neste derradeiro libro, en vida, de Lois, que foi reeditado nos últimos tempos, atópase un novo xeito de entender a existencia: para aprehendela en profundidade é necesario ter conciencia da morte. Isto pode ter unha interpretación vitalista que encaixaría coa ríxida etiqueta de poeta maldito, ao entender que esta postura fronte á vida nace da súa propia experiencia, que se mergulla na liña que a separa da morte.

Lois Pereiro morre pouco despois, en 1996. Nese ano do seu finamento, o seu irmán, Xosé Manuel, fai que saia á luz Poemas para unha Loia , constituído a partir de composicións da época madrileña, xa publicadas naquela revista Loia, e dun ensaio: «Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia». Nel expón moitas das súas ideas e conviccións sociais e políticas, ofrecendo unha panorámica que inclúe unha chea de referencias directas a escritores, filósofos ou políticos dos que bebe.

Náufragos do Paradiso

Temos que agradecerlle á festividade que fixera abrollar, da man da editorial Galaxia, unha nova peza da pruma de Lois Pereiro: a única (e imcompleta) novela á que lle dou andaina; Náufragos do paradiso comezou a ver a luz a finais da década de 1970, cando Pereiro acababa de facer vinte anos. Cunha linguaxe que emprega imaxes poéticas, a historia narrada concéntrase na interioridade torturada de Bernal e a súa viaxe á «pálida beleza da morte prematura». Nun milimetrado puzzle de sentimentos e situacións, o autor mostra a súa extraordinaria e incisiva capacidade de observación como preciso analista da condición humana. A edición do 2011 inclúe tamén un relato baseado na novela.

Desta pequena xoia só nos fica facer a recomendación preceptiva de lectura, xuntándoa cunhas das verbas coa que a describe no seu limiar Xosé Manuel Pereiro: «Lois foi esencialmente poeta. Sóuboo, ou decidiuno, na primeira adolescencia». De Rimbaud e dos simbolistas franceses tomou a actitude ante a vida, de Manuel Antonio o compromiso coa lingua e coa xente. Pero era igual de incisivo e de certeiro cando escribía en prosa, como se pode comprobar nos ensaios e artigos que publicou nos anos 1980 e comezos dos 1990. E tamén, e sobre todo, en Náufragos do paradiso , a nouvelle que deixou inédita. Unha long short story que quizais se poida considerar inacabada (como toda a súa obra, en certo sentido), pero non incompleta. A frase final, referida ao protagonista, Ninguén máis o volvería ver vivo desde entón, parece bastante concluínte.

Esta funcionalidad es sólo para suscriptores

Suscribete
Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación