cine
A lenda do intrépido Pasolini
A Fundación Luís Seoane brinda a oportunidade de achegarse á obra e figura dun dos maiores artistas europeos da metade do século XX
Poeta, cineasta, pensador, polemista, autor de novelas que significaron sonoros escándalos como Chavales del arroyo (1995) ou Una vida violenta (1959), que co tempo deviron en clásicos da lingua italiana. Pier Paolo Pasolini, nado en Bolonia no 1922, é ese talento, un xenio en múltiples rexistros, que acabaría desaparecendo traxicamente na praia de Ostia (1975). A Fundación Luis Seoane (Rúa San Francisco de A Coruña, xunto ao Hospital Militar) decidiu darlle voz, amosando os primeiros apuntes dun probado ensaísta cinematográfico. A exposición céntrase en dúas das súas películas máis célebres e coñecidas: Mamma Roma (1962), proba de como esta cidade se convertiu no seu centro neurálxico; e La Rabbia (1963), coa visión da sociedade occidental, dende o prisma da estrema esquerda —a súa— e do conservadurismo máis acomodado, perspectiva á que contribuiría Giovanni Guareschi.
Esta mostra é posible pola colaboración do Centro de Estudios-Arhivo Pier Paolo Pasolini e o tremendo apoio do cineasta, crítico e historiador cinematográfico Carlo di Carlo, axudante de dirección en ambas películas. Nas salas, están as obras de os materiais, en diferentes soportes, que axudan a conformar un proxecto que profundiza na figura deste insigne, como ensaísta, e sobre todo, como pioneiro do ensaio cinematográfico e teórico do cine de poesía, en termos do propio intelectual. De feito, a través do rexistro sonoro dos diarios de traballo de Mamma Roma realizados polo artista —gran parte deles inédito—, así como de textos manuscritos, debuxos orixinais, esquemas de rodaxe, guións e, nunha manifestación do caderno de montaxe de La Rabbia , esta colección ofrece unha heteroxénea visión dunha figura controvertida, pero sobor de todo, comprometida co proceso creativo da súa propia obra en paralelo ao profundo estudo da época convulsa e da sociedade na que ao facedor de arte lle tocou vivir.
Lembrado, principalmente, pola súa obra cinematográfica, a dimensión do seu traballo vai moito máis alá da dun realizador ao uso, posto que a súa actividade poética, ensaística e política marcaron, asimesmo, a traxectoria de quen, segundo Susan Sontag, é, «sen discusión, a figura máis notable que xurdiu na arte e a literatura italianas dende a Segunda Guerra Mundial». A homenaxe que lle fai este museo galego súmase a outras mostras de admiración, como o que está a acontecer coa edición do cómic El caso Pasolini. Crónica de un asesinato , de Gianluca Maconi. É a volta do seu misterioso falecemento.
El era homosexual, marxista, cristiano e intelectual, cualidades que para moitos eran incómodas, aínda máis pola súa mestura. Tampouco lle favorecían as súas opinións asistemáticas. Chegou a dicir no 68 que prefiría as forzas da orde aos manifestantes, porque as primeiras proviñan das filas da plebe, e as segundas tan só das da burguesía. Co seu asasinato, iniciáronse en Italia os denominados «anos de plomo», coa oleada de violencia continuada. «Estamos todos en perigo», esa advertencia, a que lle fixo a Furio Colombo, xornalista e colega, convertiuse nun epitafio. Son as derradeiras verbas que pronunciou. Esta novela gráfica repasa os tráxicos e anguriosos detalles da súa dura agonía, aproximándose aos lugares, ás circunstancias, á inquedante última entrevista, aos vaticinios...
Hai unha man negra? Aí seguen as sobras, mailas dúbidas. A introducción é de Furio Colombo, e as notas (pesquisas e versións) son de Francesco Barilli. É o falecido Alberto Moravia o que ensalza esa Italia conmocionada. «A mellor definición que podo facer del é que era o meu amigo», chegou a dicir. Adicáralle un panexírico (loa). Aparte desta literatura debuxada, están os seus filmes. Dous dos máis importantes, poden verse na Coruña ata o vindeiro 10 de abril. Mamma Roma é unha prostituta que soña cun benestar pequeno-burgués. Trala voda do seu protector, Garmine, trasládase co seu fillo Héctor a un barrio decente. Alí rexenta un posto de frutas nun mercadillo popular. Héctor é un rapaz de carácter débil, e influenciable que se deixa arrastrar polos amigos e se namora de Bruna, unha moza que o inicia nos segredos do amor.
La Rabbiaé un filme, como antes quedou referido, da remontaxe que realizou a partir de noventa mil metros de material de noticiarios cinematográficos. «Un ensaio máis que unha historia», dicía el mesmo, «coas miñas razóns política e co meu sentimento poético sobre o medo, a rabia, a anguria, sobre o mundo antigo e o futuro, a bela Marilyn, o miragre económico, coa voz da poesía de Giorgio Bassani, e a voz de prosa de Renato Guttuso». A pesares de que a película está considerada unha «obra mestra» e pioneira do cine de ensaio, durante a montaxe, o productor, co medo que tiña pola polémica, tomou a decisión de transformar este traballo nun díptico, engadindo ao mundo visto desde a esquerda o contrapunto dunha visión da dereita. Corenta anos despois, Giovanni Bertolucci reemprendeu non a reconstrucción senón a recreación daquela primeira parte a partir das cartas e os textos do mesmísimo Pier Paolo Pasolini.
Ver comentarios